Monday 29 de April de 2024

“Na batalla contra o alzheimer contas con Afal”


Cun sinxelo acto a carón do Teatro Jofre que o Concello de Ferrol iluminou para esta ocasión en morado (a cor do alzhéimer), a asociación Afal Ferrolterra conmemorou este luns o Día Mundial do Alzhéimer. Con este encontro, ao que asistiron varios representantes da entidade xunto coa concelleira de Benestar Social, Eva Martínez, a entidade ferrolá quixo chamar a atención sobre esta “epidemia do século XXI” e sobre as súas consecuencias sociosanitarias.
O Día Mundial del Alzheimer é unha data proclamada pola Organización Mundial da Saúde (OMS) e auspiciada por Alzheimer’s Disease International (ADI). Nela realízanse todo tipo de actividades para concienciar á sociedade sobre esta enfermidade que afecta non só aos propios enfermos senón tamén aos/ás coidadores/as. Na nosa comarca, AFAL Ferrolterra conmemora esta data a través da campaña
#tecendoredetecendorecordos.
O alzhéimer é a causa máis común de demencia. Afecta entre un 60 e un 70 % dos 46,8 millóns de persoas que padecen este trastorno no mundo. Estímase que para o ano 2050 o número podería ascender até os 131,5 millóns de persoas.
As cifras que a Sociedade Española de Neuroloxía (SEN) estimou en 2019 foron de 800.000 persoas afectadas por esta enfermidade.